quinta-feira, 7 de abril de 2011

HOMÍNIDO TECNOLÓXICO

http://filo-cafes.blogspot.com/2011/04/filo-cafe-informeria-contributos.html

Mamíferos primates
Australopiteco afarense
Australopiteco robustus
Homo habilis
Homo erectus
Homo sapiens neanderthalense
Homo sapiens sapiens
Home de Cro-Magnon
Homo consumista
Homo shopping
Homo globalizado
Homo virtual
Homo produto
Homo moderno
Homo individualista
Homínido tecnolóxico


Somos unha variación gradual e progresiva
unha acumulación de mutacións xenéticas,
ou sociais ou do medio físico, somos unha especie
antropomorfa e evolutiva
un homo imperfecto e natural
un proxecto inacabado, euterios xerarquizados
nunha escala social.
Somos o que deberiamos ser?
Poboacións competitivas e divididas
en primates engulidos por máquinas,
seres agresivos e maliciosos
solitarios caníbales subxugados
pola materia que nos deforma na nada.
Somos férreos criterios e soidades
vivindo en nós mesmos sen saír de nós,
pasamos dunha bacteria a un homo
en milleiros de anos
e acabamos sendo devorados
por ordenadores e realidades virtuais
camiñando pola rede ficticia.
Os ratos destrúen neuronas
as sinapses son febles por estaren viciadas
as sinapses son retardadas por seren innecesarias
as células grises quedan pechadas en baúis
e perdidos minimizamos esforzos
para sermos produtivos.
Pequenos roedores rillan a esencia
que se oxida da nosa idiosincrasia
e dominados pola tecnoloxía mudamos
en animais insociábeis, retrocedendo
na evolución da parte humana
somos monitores en cores,
Homínidos tecnolóxicos.